A institución provincial reforza a súa presenza nun dos principais encontros da cultura galega, que nesta edición reúne máis de 800 artistas e creadores. A participación provincial súmase ao apoio que a Deputación presta á celebración da feira e busca achegar ao público o traballo das persoas gañadoras dos seus premios e certames culturais.
A programación comezará o sábado 28 de novembro ás 13.00 horas co concerto de Raposa, banda gañadora dos Premios NARF 2026. A actuación permitirá dar a coñecer o proxecto musical recoñecido nesta edición dos premios provinciais, que impulsan a creación musical galega.
Ás 18.00 horas terá lugar o encontro «Premios que tecen redes: Certames Literarios da Deputación da Coruña». Manuel Barreiro e Elías Taño presentarán a obra Maré, gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada, nunha conversa conducida pola xornalista Susana Pedreira que rematará cunha sinatura de exemplares.
O domingo 29 de novembro, ás 16.00 horas, Antía Yáñez, gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2025, presentará a súa obra Bragakadabra nun diálogo con Lois Pérez, gañador na edición de 2022. O encontro reunirá dúas xeracións de autores para dialogar arredor da literatura infantil e xuvenil galega.
A programación provincial pecharase o domingo ás 17.00 horas cos concertos de Tentáculo Rock e Noxem, as bandas gañadoras do concurso musical infantil Quero Cantar 2026. Esta iniciativa da Deputación ten como obxectivo fomentar a creación musical entre a infancia e a mocidade.




