A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na entrega aos responsables de Cogami, en Mos, do primeiro vehículo concedido a entidades de Benestar Social. Esta iniciativa forma parte do programa provincial Impulsa Benestar, dotado con 1,1 millóns de euros, que busca facilitar a adquisición de vehículos ou a realización de obras nos centros destas colectivos.
O presidente da Deputación, Luis López, acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, e o presidente de Cogami, Anxo Queiruga, destacou o compromiso da Deputación cos colectivos de Benestar Social, cun investimento neste mandato superior aos 27 millóns de euros. "Para que esta provincia siga sendo unha referencia na atención a todas as persoas, vivan onde vivan e sexa cal sexa a súa condición, cómpre que haxa colaboración e compromiso por parte de todos", afirmou López tras percorrer as instalacións de Cogami en Mos.
O programa Impulsa Benestar divídese en dúas liñas: unha para obras, con 600.000 euros, e outra para adquisición de vehículos, con 500.000 euros. A visita ao centro de Cogami en Mos serviu para entregar a primeira das 33 furgonetas que se distribuirán por toda a provincia. Cogami recibe unha subvención de 7.500 euros para un vehículo que mellorará a mobilidade dos seus usuarios en Mos.
Luis López puxo en valor os 35 anos de traxectoria de Cogami como referente en Galicia na integración de persoas con discapacidade, e subliñou o apoio da Deputación a través de distintas liñas de colaboración para o fomento do emprego e a inclusión.
Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, resaltou a importancia da colaboración entre administracións públicas para dotar ás entidades sociais dos recursos necesarios. "Para Mos é unha satisfacción poder acompañar a Cogami neste momento e ver como esta nova furgoneta vai facilitar os desprazamentos e a atención ás persoas usuarias", sinalou, reafirmando o apoio do Concello de Mos á inclusión e ao benestar.
A Deputación tamén destina 24 millóns de euros á colaboración cos concellos en servizos sociais e axuda no fogar, ademais de máis de 2,6 millóns en axudas a colectivos e programas como +Convivencia, Provincia +Inclusiva ou +Xuntas.




