O municipio do Rosal amosou ao xurado do premio Vilas en Flor o seu modelo de sostibilidade, centrado na redución do consumo enerxético e na implicación da veciñanza no coidado do territorio. A visita tivo como obxectivo coñecer sobre o terreo os avances realizados polo Concello durante o último ano en políticas ambientais.
A transformación das instalacións municipais e espazos públicos con criterios de eficiencia enerxética, redución do consumo e mellora do confort foron os eixos da presentación. Estas medidas compleméntanse cunha programación estable de sensibilización e educación ambiental dirixida á cidadanía.
O Segundo Informe de Seguimento do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Rosal revela que o Concello reduciu un 42,7% o consumo enerxético das súas instalacións e un 48,3% as emisións de CO₂ nos últimos dez anos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que estas cifras demostran os resultados do camiño iniciado para reducir o impacto ambiental e mellorar os servizos públicos.
Entre as medidas implementadas atópanse a renovación do alumeado público con tecnoloxía LED e a substitución de antigas caldeiras por sistemas máis eficientes en edificios como a Casa do Concello, o Centro Social Polivalente, o pavillón municipal e Tabagón, cun investimento superior aos 336.000 euros. Tamén se está a traballar na rehabilitación de escolas unitarias e na recuperación da contorna de San Gregorio en Pías.
A pesar do crecemento da poboación e do aumento de vehículos, as emisións de carbono do municipio reducíronse un 4,5%. A rexedora subliñou que este dato é froito dun esforzo colectivo, onde a administración facilita ferramentas pero a implicación da veciñanza é clave para a transición cara a un municipio máis sostible.
O traballo de educación e sensibilización ambiental desenvólvese ao longo de todo o ano a través de campañas como ‘O mellor do verán tamén se coida’, andainas interpretativas e actividades nos Muíños do Folón e do Picón, fomentando unha relación consciente coa contorna natural.
O Rosal tamén impulsa comunidades enerxéticas para que a transición enerxética sexa participativa. Esta experiencia será exposta pola alcaldesa no Comité Europeo das Rexións, onde se abordará a importancia das iniciativas locais e o seu financiamento europeo.




