A nova infraestrutura, que xa está en funcionamento, supón un investimento da Xunta de Galicia superior a 700.000 euros. Coa apertura deste centro, Mos conta xa con catro escolas infantís públicas, ampliando os recursos municipais destinados á atención á primeira infancia e ao apoio ás familias. Na visita tamén participaron a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego reservará 73 millóns de euros nos orzamentos autonómicos de 2027 para garantir a gratuidade das escolas infantís, un 8 % máis que no exercicio anterior, o que supón un aforro de ata 4.000 euros anuais a máis de 30.000 familias galegas. Subliñou a importancia de facilitar a conciliación e apoiar as familias para favorecer o crecemento da poboación, lembrando outras medidas autonómicas como a rede de casas niño, a Tarxeta Benvida e as axudas do Plan Corresponsables.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, puxo en valor a colaboración entre o Concello e a Xunta para dotar o municipio de máis prazas públicas gratuítas e recuperar un espazo histórico como o antigo hospital do Rebullón.
A visita incluíu un percorrido polas instalacións, guiado pola directora do centro, Paula Domínguez, e polo arquitecto responsable do proxecto, Ángel Jaime Santorio, quen explicou as características técnicas do edificio. A nova escola infantil é a primeira peza do proxecto de transformación integral do Rebullón nun complexo sociosanitario.
A xornada concluíu coa plantación simbólica dunha árbore ginkgo biloba, na que participaron o neno Xoel e Raquel Leirós, vinculada á historia do Rebullón, xunto á alcaldesa e ao presidente da Xunta, simbolizando a unión entre xeracións.




