A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración, deu comezo á nova edición do programa ‘Conecta con Galicia no Camiño’, unha iniciativa que achega a mocidade galega do exterior ás súas raíces a través da ruta xacobea. O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polos delegados territoriais, participou nas xornadas de inicio.
En Ourense, Miranda xunto ao delegado territorial da Xunta na provincia, Manuel Pardo, compartiu os primeiros pasos da Vía da Prata cos 41 mozos e mozas aloxados na Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas. Os participantes selaron a súa compostela na Oficina de Turismo da Xunta, marcando o inicio simbólico desta experiencia.
Posteriormente, o secretario xeral desprazouse a Chapela (Redondela) para unirse a outro grupo de participantes, aloxados na Residencia Xuvenil Altamar de Vigo, no comezo do Camiño Portugués. Nesta ocasión, estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.
O programa, organizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, reúne este ano a preto de 100 mozas e mozos de entre 18 e 21 anos procedentes de ata seis países de América. O obxectivo é fortalecer os vínculos coa terra de orixe mediante unha experiencia vital, cultural e identitaria.
Durante os próximos días, os participantes percorrerán máis de 100 km a pé, complementando a súa estadía con actividades culturais e de coñecemento da Galicia actual. Esta iniciativa, que xa alcanza as 36 edicións, suma máis de 3.600 participantes desde a súa posta en marcha, consolidándose como un programa de referencia da Xunta.




