A Universidade de Vigo e a Zona Franca de Vigo buscan fortalecer a súa relación de colaboración, explorando novas vías de traballo conxunto en ámbitos como o tecnolóxico, os novos sectores industriais e económicos, a transferencia de coñecemento e o apoio ás iniciativas universitarias relacionadas coas enxeñarías, o emprendemento e o emprego.
A reitora, Carmen García Mateo, cualificou a visita como unha primeira toma de contacto para revisar as actuacións conxuntas e mostrouse optimista sobre a posibilidade de anunciar en breve "a posta en marcha de novas iniciativas", destacando o "ambiente de cordialidade e plena colaboración" entre ambas as partes.
Pola súa banda, David Regades sinalou que a Universidade é un "partner fundamental" para a Zona Franca, especialmente en proxectos de innovación. "Estou seguro", afirmou o delegado, "que poñeremos en marcha novas iniciativas de forma conxunta porque cremos radicalmente na ciencia e no coñecemento como folla de ruta para a transformación da nova economía e o desenvolvemento social".
Ambas as institucións xa manteñen unha sólida relación de traballo, incluíndo a fábrica de semiconductores fotónicos SPARC e o desenvolvemento de proxectos do sector aeroespacial. Tamén se comprometeron a impulsar a colaboración na transformación urbana da ETEA, así como no proxecto da PS1 e o aparcamento na Praza de Armas, e na cesión do Edificio Faraday á Universidade para a sede do Campus do Mar.
Ademais, confirmaron o impulso do traballo conxunto na nova Cátedra de Computación Cuántica e na Cátedra ARDAN, que analiza anualmente a evolución de 44.726 empresas galegas. A última análise desta cátedra concluíu que a importancia da Eurorrexión, a innovación e a internacionalización son motores de competitividade empresarial.
Tamén se destacou a igualdade como factor de competitividade e xestión, e prevese o desenvolvemento dun novo programa de liderado feminino de cara a 2027.




