A tecnolóxica galega Vig-Sec Drone foi seleccionada para formar parte do programa de aceleración DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic), impulsado pola OTAN. A empresa participará coa súa plataforma de xestión e coordinación táctica do espazo aéreo de media e baixa cota, denominada Suite ACRE, na fase Mission Track.
A conselleira María Jesús Lorenzana destacou que esta firma pontevedresa, especializada en servizos aeronáuticos, formación e desenvolvemento de software para a xestión do espazo aéreo, forma parte dun selecto grupo de 15 empresas a nivel mundial. As súas solucións innovadoras foron consideradas de alto valor engadido para os países membros da Alianza Atlántica. Esta participación brindará á tecnolóxica a oportunidade de presentar a súa tecnoloxía aos departamentos de Defensa dos países integrantes da OTAN.
Lorenzana lembrou que o crecemento de Vig-Sec Drone contou co apoio da Xunta de Galicia, a través de aceleradoras como BFAero ou ViaGalicia, ademais da participación directa de Xesgalicia no seu capital.




