A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá mañá, 2 de setembro, a defensa da tese doutoral de Diego Troitiño Jordedo, investigador do grupo de Enxeñaría de Bioprocesos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). O acto terá lugar ás 11:30 horas no Salón de Graos e tamén poderá seguirse de forma remota a través de Microsoft Teams.
Baixo o título “Modelling the Dynamics of Cellular Metabolism for the Design of New Fermentation Processes”, a investigación céntrase na creación de novas metodoloxías matemáticas e computacionais. Estas ferramentas buscan mellorar a predicción do metabolismo dos microorganismos durante as fermentacións industriais, un aspecto clave dada a dificultade para anticipar o seu comportamento, especialmente en condicións variables.
Os procesos fermentativos son esenciais na produción de alimentos e bebidas, ofrecendo vías para o desenvolvemento de produtos saudables e sostibles con perfís nutricionais e de sabor específicos. A tese de Troitiño aborda a limitación fundamental destes procesos: a incerteza na predicción do comportamento microbiano a escala industrial.
As aproximacións desenvolvidas combinan o modelado celular a escala xenómica (GEMs) con diversas ferramentas de simulación. O obxectivo é facilitar un deseño e optimización máis precisos dos procesos fermentativos, contribuíndo á obtención de alimentos e bebidas de maior calidade e cunha menor pegada ambiental.
A investigación foi supervisada por Eva Balsa Canto e David Henriques.




