O edificio Redeiras acolle hoxe e mañá o seminario Novos desafíos relacionais na literatura e na cultura contemporáneas, unha iniciativa que reúne a unha trintena de persoas chegadas de diferentes países. O evento está dirixido polos investigadores predoutorais Iago Rodríguez Diéguez (UVigo) e Clàudia Martori Ribalta (Universitat de Barcelona), e coorganizado pola asociación Pandora Literary Gender Studies e o proxecto Communitas/Immunitas: Relational Ontologies in Atlantic Anglophone Cultures of the 21st Century.
O obxectivo principal do seminario é fomentar un diálogo interdisciplinario sobre como a literatura e a cultura contemporáneas imaxinan novas posibilidades de relación e responden aos desafíos éticos, políticos e afectivos do noso tempo. Segundo explica Iago Rodríguez, abordaranse temas como o poshumanismo, os afectos, a comunidade, a solidariedade, os coidados, a vulnerabilidade e a dependencia, así como os futuros feministas e queer. As propostas seleccionadas tamén afondan na crise climática, as transformacións tecnolóxicas e os novos paradigmas de interacción social.
A perspectiva de xénero é considerada unha das lentes críticas principais, xa que permite analizar como as relacións de poder, as identidades e as representacións culturais condicionan o coñecemento, as experiencias históricas e as expresións artísticas e sociais. Ademais do xénero, os estudos tamén abordan outras realidades como a sexualidade, a procedencia xeográfica, a idade, a clase social, a raza, a relixión ou a discapacidade.
Entre as actividades destacadas atópase a conferencia plenaria Threads of Exploitation: Fashion, Ecology and Fem Subalternaty in Monica Ali’s Brick Lane, ofrecida pola docente e investigadora da USC Noemí Pereira Ares, que analizará a relación entre moda, explotación, migración e xénero na obra literaria Brick Lane.
Ademais, celebrarase a mesa redonda Gender and Identity: New forms of Subjectivity, na que participarán o venres Lara Tortosa Signes (Universitat de València), María Torres Romero (Universidad de Málaga) e Sara Tabuyo Santaclara (Universitat de les Illes Balears).
O seminario tamén busca dar visibilidade a investigadoras e investigadores en etapas iniciais da súa carreira, contribuíndo á xeración de ideas innovadoras e ao desenvolvemento de futuras liñas de investigación. O proxecto Communitas/Immunitas, financiado por MICIU e polo FEDER, apoia a formación de talento e aposta pola calidade das propostas das novas xeracións.




