A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, presentaron as novas axendas escolares no CEIP Alexandre Bóveda de Chapela. O Concello de Redondela comeza así o reparto gratuíto destas ferramentas pedagóxicas dirixidas ao alumnado de Primaria e Secundaria de todos os centros públicos do municipio para o curso 2026/27.
Nesta edición, as axendas destacan por converterse nunha ferramenta de memoria histórica, dedicando unha parte importante á traxectoria do bote “Manuel”. Esta embarcación tradicional, orixinaria do século pasado, tivo un papel crucial no transporte secreto de centos de xudeus que fuxían do réxime nazi e tamén serviu para abastecer a illa de San Simón durante a súa época como cárcere franquista.
As publicacións inclúen ilustracións detalladas da anatomía da embarcación e repasan os seus fitos máis importantes. Entre os contidos históricos, os alumnos aprenderán como o “Manuel” transportaba comida, roupa e correspondencia para os presos na illa de San Simón, e como facilitou a fuxida de xudeus cara a buques británicos durante a Segunda Guerra Mundial. Tamén se menciona a súa participación na expedición de Robert Stenuit e John Potter na busca dos galeóns afundidos de Rande en 1955.
Ademais, as axendas poñen en valor os traballos de conservación do patrimonio mariñeiro. Tras ser restaurado en 2024 grazas ao obradoiro municipal de carpintaría de ribeira do Concello, o orixinal do bote atópase exposto no Museo de Meirande. En 2025 creouse unha réplica exacta, o ‘Novo Manuel’, que actualmente navega polas costas de Galicia, Portugal e o Cantábrico.
Outra sección informativa destacada é a dedicada a Xosé Neira Vilas (1928-2015), con motivo do vindeiro Día das Letras Galegas 2027. O obxectivo é que os escolares coñezan ao autor de Memorias dun neno labrego e reforcen o orgullo pola lingua propia.
As axendas tamén inclúen información sobre as tradicións de Redondela, actividades culturais e mapas. A alcaldesa subliñou a importancia de que estas axendas sexan unha ferramenta de comunicación e, ao mesmo tempo, axuden a "fomentar o noso patrimonio e a nosa cultura".




