A Casa da Navegación de Baiona ofrece de forma gratuíta a proxección do documental “Memoria do Mar”. A iniciativa estará dispoñible ata o 30 de setembro, en horario de martes a venres ás 12:00h e ás 18:00h.
O documental foi elaborado por trece mozos e mozas participantes no Campo de Voluntariado “Memoria do Mar”, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, enmarcada na súa Campaña de Verán.
A peza audiovisual recolle a memoria viva da tradición mariñeira de Baiona a través dos testemuños de Ángela Cedeira (Lita), Josefa González (Fina), Antonio Sánchez (Tono), Jesús Goce (Suso “O Negro”) e Eumelio Goce (Ito). Protagonistas desta produción compartiron as súas vivencias, lembranzas e experiencias ligadas ao mar, contribuíndo á conservación dun patrimonio inmaterial de gran valor para a vila.
O resultado do traballo desenvolvido durante as dúas semanas do campo de voluntariado inclúe a investigación sobre o patrimonio marítimo de Baiona, entrevistas á xente do mar e a produción do documental. Os participantes contaron coa titoría da empresa Filmes de Pedra e a colaboración de Guti Vilar.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que a memoria dun pobo constrúese tamén a través das experiencias das persoas. Agradeceu aos protagonistas do documental a súa memoria e aos voluntarios a súa labor de recoller e preservar as historias da xente do mar de Baiona, deixando un legado para as futuras xeracións.




