O festival Intersección reforza a proxección internacional do cinema galego

A novena edición do Festival Internacional de Cine da Coruña, que se celebra do 13 ao 17 de outubro, inclúe 27 filmes de 22 países.

O festival Intersección reforza a proxección internacional do cinema galego

Xunta de Galicia · 2026-10-09

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou hoxe na Coruña a novena edición do festival Intersección, que se celebrará do 13 ao 17 de outubro e que busca potenciar a proxección internacional do cinema galego.

O festival, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, desenvolverase nos Cantones Cines cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. As seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea.
A sección Internacional reunirá 27 filmes procedentes de 22 países, con catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. Estas propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A sección Galicia presentará unha selección de ficción, documental, animación e experimentación con obras como Uttervøid, de Blanca Rego; Moon Safari, de Hugo Amoedo; El Cuerpo de Cristo, de Bea Lema; Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague e Avisa cando chegues, de Ángela Andrada. Pola súa banda, Fulgor reunirá 14 filmes de produción española asinados, en boa medida, por artistas e cineastas que están a iniciar a súa traxectoria profesional.
A programación tamén inclúe focos dedicados a Square Eyes e Eva Giolo, así como as exposicións Órbita galega e Fulgor na Fundación Luis Seoane. NEXUS, a área de industria, reforza os seus espazos de encontro entre cineastas, produtoras, distribuidoras, exhibidoras e responsables de programación coa participación de máis dun centenar de profesionais.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Xunta de Galicia — Notas de prensa (portal central, cubre todas as consellerías) (09/10/2026)