A proba, organizada por AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos), tivo lugar o pasado domingo, 11 de outubro, no Polígono da Veigadaña. Cun percorrido de 4,4 quilómetros, a carreira reuniu a deportistas, representantes institucionais e empresas colaboradoras co obxectivo de concienciar sobre a violencia de xénero e o apoio ás mulleres vítimas.
Entre as autoridades presentes atopábanse a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro; e a deputada provincial de Igualdade, Paula Bouzós. Tamén participaron mulleres que forman parte do programa ACTIVA 10, cuxa implicación directa na organización permitiu dar visibilidade ao traballo desenvolvido pola asociación durante a última década, no que máis de 300 mulleres participaron en programas de orientación, formación e inserción laboral.
A iniciativa buscou implicar a empresas, administracións e cidadanía na causa, ademais de dar a coñecer o labor de AEMOS para favorecer a autonomía persoal e económica das mulleres vítimas de violencia de xénero. O excedente económico da carreira destinarase a EVD Galicia, entidade dedicada á formación e inserción laboral de persoas vulnerables.
Na parte deportiva, os primeiros clasificados foron Bernardo Durán (masculino) e Mili Vidal (feminina). Seguiunos Juan Gil e Patricia Vidal, e completaron o podio masculino Rodrigo Gómez, mentres que na feminina destacaron Patricia Gradaille e Claudia Rodríguez.
AEMOS agradeceu a participación de todos os corredores e a colaboración das entidades e administracións que fixeron posible esta primeira edición, subliñando a importancia do emprego e da autonomía económica para que as mulleres vítimas de violencia de xénero poidan iniciar unha nova etapa vital.




