A compañía galega UARX Space deu un paso crucial na consolidación da innovación aeroespacial coa posta en marcha de OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration), un avanzado vehículo de transferencia orbital deseñado para facilitar o acceso ao espazo de pequenos satélites e CubeSats. O proxecto, desenvolvido integramente nas instalacións da Zona Franca de Vigo, sitúa á cidade olívica como un punto clave no sector aeroespacial europeo.
Este proxecto conta coa colaboración da NASA, referente mundial en tecnoloxía espacial. David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, destacou o potencial de Vigo e da Zona Franca para atraer talento e a evolución do consorcio nos últimos anos, pasando de proxectos espaciais hai unha década a un éxito actual como OSSIE, que xa se atopa en Estados Unidos preparado para o seu lanzamento.
A través da súa conta de X, UARX confirmou que "A conta atrás final xa comezou. OSSIE xa está integrado no vehículo de lanzamento!". O dispositivo xa está situado no lanzador dun foguete Falcon 9 de SpaceX, agardando o momento do seu lanzamento, previsto para este outono, nunha misión que marca un fito para a tecnoloxía aeroespacial galega.
Regades subliñou a tecnoloxía avanzada de OSSIE, afirmando que "a tecnoloxía de OSSIE é tan avanzada que só a teñen cinco países no mundo". Esta capacidade de UARX sitúa a Galicia e a España á vangarda na elaboración de vehículos de transferencia orbital. O obxectivo de OSSIE é optimizar os lanzamentos espaciais, permitindo levar múltiples nanosatélites en lugar dun só, o que está a "democratizar a tecnoloxía espacial".
Ademais da súa innovación tecnolóxica, o proxecto de UARX impulsa o sector industrial galego, xa que se desenvolveu "de xeito íntegro nos laboratorios de Zona Franca", segundo concluíu David Regades.
As capacidades de OSSIE inclúen inxección directa, cambios orbitais en altitude e inclinación, e xestión de múltiples cargas útiles como PocketQubes, CubeSats, pequenos satélites e sistemas de comunicación (IoD / IoT). O seu deseño modular e escalable permite adaptar os requirimentos de cada cliente mediante propulsión química ou eléctrica, ofrecendo versatilidade máis alá dos modelos tradicionais de lanzamento compartido.
Esta tecnoloxía de vangarda non só optimiza a posta en órbita de cargas satelitais, senón que abre novas rutas cara ao espazo profundo, permitindo a inxección precisa en órbitas terrestres non tradicionais, arredor da Lúa e traxectorias cara ao espazo profundo. A misión inaugural deste "taxi espacial" representa un paso sen precedentes a nivel nacional para un modelo operativo máis flexible e autónomo na exploración espacial.




