O pavillón de deportes do campus de Ourense acolleu este sábado e domingo, 19 e 20 de setembro, o XII Torneo de Xadrez Campus de Ourense. O evento, organizado polo club Xadrez Ourensán Universitario coa colaboración da Universidade de Vigo, reuniu a 105 xogadoras e xogadores.
Na modalidade de partidas rápidas, o gran mestre búlgaro Vladimir Petkov alzouse co primeiro posto. O segundo foi para o mestre Fide Samuel Villar e o terceiro para o mestre internacional madrileño Marcos Lianes. Tamén recibiron premios Fernando Sánchez (4º), Rubén Fernández (5º), Rafael Rodríguez (6º) e José Ramón González (7º). En sub2000 o gañador foi Luis Fernández e en sub1700 Mateo Pérez. Manuel Vidal foi o mellor clasificado do club organizador.
A xornada do domingo estivo dedicada á modalidade de partidas lóstrego. O mestre internacional Marcos Lianes foi o gañador, seguido polo gran mestre búlgaro Vladimir Petkov en segunda posición e o mestre internacional Rafael Rodríguez completando o podio. Samuel Villar (4º), Rubén Fernández (5º), o vigués Mateo Rey (6º) e Óscar Fernández (7º) tamén obtiveron galardón. Rodrigo Arias gañou en sub2000 e David Catro en sub1700. Antonio Villar foi o mellor clasificado do club Xadrez Ourensán Universitario.
O certame, dirixido por Marcos Reza, contou co patrocinio da UVigo, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, e repartiu 2.500 euros en premios. A entrega de galardóns contou coa presenza de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense.
A organización amosou a súa satisfacción pola acollida desta edición e destacou a calidade do xogo e o bo desenvolvemento das xornadas.




