As rúas e prazas de O Porriño encheranse de actividades culturais e de ocio durante todo o mes de setembro e os primeiros días de outubro coas esperadas Festas do Cristo 2026. A programación deseñada polo Concello combina concertos, grandes verbenas, citas deportivas, espectáculos de humor e propostas para todos os públicos.
A música será protagonista en espazos como a praza Arquitecto Antonio Palacios, a rúa Domingo Bueno ou o aparcadoiro da rúa Progreso. Destacan xa no cartel artistas como SÉS, que actuará o venres 25 de setembro, Uxía o domingo 20, e Ialma, que chegarán desde Bélxica o venres 11 de setembro. As orquestras galegas máis recoñecidas tamén terán o seu espazo: a París de Noia actuará o venres 25, Panorama o luns 28, e El Combo Dominicano pechará as festas o domingo 4 de outubro.
Para o público máis novo e os amantes da música urbana e electrónica, a axenda inclúe a XII edición do Montando Cristo Festival o sábado 3 de outubro, coas actuacións de HONGO, IN WE FALL, THE PRETTY SHIRTS ou MALKEDA. Tamén regresan o Dabuten Remember Festival (sábado 26) e o Louro Valley Festival (venres 25).
O concelleiro de Festas, Beni Estévez, sinalou que o concurso “Tes talento” volverá ser unha oportunidade para descubrir novos valores. Ademais, cada semana haberá actividades infantís como obradoiros, maxia, música e contacontos.
O humor tamén terá un papel destacado con actuacións de David Amor (xoves 24), Xosé A. Touriñán (sábado 26) e David Puerto (xoves 1 de outubro). O acto oficial de inicio das festas será o sábado 26 de setembro ás 13:30 h co pregón a cargo da bailarina e actriz Janet Novás. Ese mesmo día celebrarase o II Festival Cristo de Bandas.
Os actos relixiosos concentraranse o domingo 27 de setembro coa Misa Solemne en honra ao Santísimo Cristo da Agonía. A programación deportiva inclúe eventos consolidados como a XIV Milla Porriñesa (domingo 13), a IV Carreira de Empresas – XV Interrunning (domingo 20), ademais de torneos de fútbol base e ciclismo.
O broche final será gastronómico coa XXXIII Edición da Festa dos Callos, que terá lugar o domingo 4 de outubro nos establecementos hostaleiros da vila. A presentación da programación contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto a representantes de clubs deportivos e da hostalaría local.




