O Real Club Celta de Vigo poderá dispoñer do estadio de Balaídos durante polo menos os próximos 50 anos, cunha opción de prórroga ata os 75 anos. Este acordo, aprobado pola Xunta de Goberno do Concello de Vigo, establece un pago anual de 802.837 euros por parte do club. Este canon poderá ser axustado en caso de perda de ingresos debido a obras, investimentos do club en melloras ou un posible descenso de categoría.
Unha das novidades destacadas do prego de condicións é a posibilidade de que o Celta organice eventos culturais e de ocio, como concertos, no estadio. O Concello poderá compensar parte do canon achegando fondos para estas actividades, sempre que promovan a “marca Vigo”. Para iso, o club deberá presentar unha proposta e asegurar que o retorno do investimento supere o 500% do canon a compensar. Ademais, o Concello deberá ser recoñecido como o “único patrocinador institucional/administración pública nas accións promocionais” e terá dereito a designar o nome do evento.
O Concello de Vigo, como propietario do Estadio Municipal, debe ser a administración con maior presenza institucional na primeira fila do palco de autoridades.
O Concello resérvase o dereito de modificar as condicións da concesión por razóns de interese público, inserir publicidade institucional no estadio e utilizar as pistas e instalacións situadas baixo a bancada de Río. Tamén se regula o acceso gratuíto dos membros da Corporación ao palco de autoridades, garantindo que o alcalde ou alcaldesa ocupe o “posto de honra que lle corresponde ao lado da Presidencia do club”.
En canto aos dereitos e obrigas, o Celta poderá dispoñer do estadio, cuxo uso principal será deportivo, e comercializar os dereitos audiovisuais e publicitarios. Pola súa banda, o club deberá asumir os gastos de subministracións, servizos, conservación, reparación, seguros, limpeza e seguridade. O alcalde, Abel Caballero, explicou que tras esta aprobación inicial, ábrese un período de 30 días para a presentación de alegacións, antes da aprobación definitiva e formalización do acordo, cualificando a decisión como “moi boa” para a cidade e o club.




