As actuacións, levadas a cabo polas distintas unidades operativas do servizo ao longo de toda a costa galega, saldáronse coa tramitación de 46 actas de presunta infracción. Estas accións realizáronse tanto en patrullas terrestres como a bordo de embarcacións oficiais, e en colaboración con forzas de seguridade como a Policía Autonómica e a Garda Civil.
Entre os aparellos retirados do mar por carecer de identificación, atoparse en zonas non autorizadas ou vulnerar a normativa vixente, figuran 503 nasas destinadas á captura de polbo, nécora, camarón e centolo, 129 aparellos específicos para polbo, 25 artes de enmalle, 15 nasas tipo votirón, un viveiro e diversas ferramentas manuais.
En canto ás especies incautadas, destacou o polbo con 117,7 quilos, incluíndo partidas sen trazabilidade ou con infraccións na súa conxelación. Tamén se decomisaron 40 quilos de centolo na Ría de Vigo, 30,2 quilos de pancho bicudo sen documentación en Vilaboa, 31 quilos de nécora e máis de 35 quilos de diversos bivalvos como ameixa xaponesa, babosa, fina e navalla. Interviñéronse ademais cantidades menores de percebe, lura, choco, bogavante, raia, sargo e maragota.
O marisco e peixe decomisado que se atopaba vivo durante os controis foi devólto ao mar co obxectivo de preservar os recursos mariños. As capturas aptas para o consumo que non puideron ser reincorporadas ao medio foron doadas a centros benéficos e comedores sociais.




