A mostra, que poderá visitarse ata o 15 de novembro, exhibe cen gravados realizados por Salvador Dalí para unha edición especial de A Divina Comedia, de Dante Alighieri, publicada entre 1960 e 1964.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que esta exposición forma parte da programación do Goberno galego, composta por 70 mostras, "como motor cultural da Galicia Calidade". A iniciativa organízase conxuntamente co Museo do Gravado á Estampa Dixital e a Societá Dante Alighieri de Vigo.
Un espazo na exposición rende homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, "tradutor da Divina Comedia ao galego e unha das figuras máis destacadas da cultura galega contemporánea". O percorrido comeza nesta sala, onde se pon en valor a súa "contribución á difusión da obra de Dante e á tradución literaria en lingua galega".
Este espazo inclúe unha peza audiovisual con últimas aparicións públicas de Cabana e imaxes de actividades da Società Dante Alghieri Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela. Completa a homenaxe un texto biográfico e unha vitrina coas súas traducións vinculadas a Dante.
Ademais dos gravados de Dalí, exhíbese un fondo bibliográfico sobre as diferentes edicións de A Divina Comedia, incluíndo un incunable de 1481 e unha edición de 1578.
A exposición está organizada seguindo a estrutura da obra de Dante: 34 gravados para o Inferno, 33 para o Purgatorio e 33 para o Paraíso, permitindo seguir a viaxe literaria a través dos tres reinos.




