O novo responsable, vinculado ao Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), afronta esta etapa cunha clara vocación de servizo e a intención de integrar a súa experiencia en xestión e investigación nun proxecto colectivo. O seu plan de traballo prioriza a escoita activa dos grupos de investigación para lograr un salto cualitativo na produción científica do centro.
Entre os retos inmediatos, a dirección busca consolidar o equipo de apoio á xestión e mellorar a comunicación interna. A medio prazo, o obxectivo estratéxico é acadar a acreditación como centro de excelencia da Rede CIGUS, reforzando a captación de talento e a proxección internacional en tecnoloxías industriais e enerxías sostibles.
A traxectoria de Patiño céntrase na combustión de biomasa, o hidróxeno e a descarbonización. Conta cunha ampla experiencia en transferencia tecnolóxica, con máis dun centenar de proxectos con empresas e catro patentes rexistradas, ademais dunha dilatada carreira en cargos de xestión universitaria.




