O pan é un símbolo de identidade no municipio do Porriño, cunha historia que se remonta a séculos atrás. Dúas panadarías locais, Amaquía e Argibay, acaban de conseguir novas distincións que as sitúan no Top 50 de panadeiros de España.
Este premio pon en valor o traballo artesán, a calidade dos ingredientes e o respecto polos procesos tradicionais de elaboración lenta. O alcalde felicitou aos responsables de ambas panadarías, destacando que o nome da vila segue a colleitar éxitos grazas a este produto.
“"Se falamos de pan falamos do Porriño"
Os responsables das panadarías explican que o segredo reside no cariño e no tempo dedicado á fermentación. Luis Miguel Iglesias Lago, de Amaquía, sinala que as "fermentacións longas" permiten unha maior conservación e aseméllanse ao pan de antes, con "codia e pezas grandes", o que contribuíu ao seu crecemento.
Pola súa banda, Claudio Rodríguez Argibay, de Argibay, destaca que o seu pan caracterízase por un "bo sabor, unha boa conservación e unha boa corteza", sendo un produto "humilde, sinxelo, pero moi sabroso" elaborado con receitas e fariñas antigas.
Montse Fernández Costas, copropietaria de Amaquía, considera o premio un "respaldo" que achega "máis ilusión para seguir no día a día", aínda que tamén supón unha responsabilidade. Claudio Rodríguez engade que é unha oportunidade para "experimentar cos outros panadeiros e seguir esforzándose un pouquiño máis todos os días", xa que os premios recoñecen o traballo diario.




