O coñecido establecemento, localizado xunto á praia da Barrosa en San Vicente do Mar, figura entre as 14 empresas seleccionadas en toda Galicia. Estes recoñecementos, que anualmente concede a Zona Franca de Vigo, destacan as compañías coas mellores métricas de competitividade e rendemento, analizadas polo seu servizo de estudos económicos entre máis de 45.000 firmas.
Os catro distintivos obtidos polo Náutico son: Empresa de Alta Produtividade, Empresa Xeradora de Riqueza, Empresa de Alto Rendemento e Empresa Gacela. Estes premios subliñan a rentabilidade, o crecemento sostido e a capacidade de xerar valor económico do negocio grovense.
Dende o Consorcio Zona Franca resaltan a proposta de valor do establecemento, que soubo "converter contorno, gastronomía, música e encontro nunha proposta con identidade propia e capacidade de atracción". Tamén o sinalan como "un exemplo de excelencia en proxectos vinculados á experiencia, a cultura e o territorio".
Os indicadores ARDÁN avalían o incremento continuado de ingresos, a alta rendibilidade, a creación de valor económico e os elevados niveis de produtividade. A entrega oficial dos galardóns celebrarase o vindeiro xoves 4 de xuño en Vigo.




