Un estudo encargado polo Consello Social da UVigo e presentado este martes nun pleno extraordinario celebrado en Maceda, revela que a dispoñibilidade de vivenda e o apoio para atopala son aspectos que preto do 90% do estudantado considera que poden influír na elección da universidade. Ademais, unha parte significativa do alumnado bota en falta un maior apoio oficial para atopar aloxamento nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.
A presentación deste traballo, titulado 'O aloxamento universitario na Universidade de Vigo. Contexto, diagnóstico e retos', coincidiu coa primeira participación da nova reitora, Carmen García Mateo, xunto á secretaria xeral, Emma Rodríguez, e a xerente, Ana Comesaña. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, deu a benvida ao novo equipo reitoral e expresou o seu desexo de colaboración para afrontar os desafíos estratéxicos da institución.
Esta xuntanza tamén tivo un carácter simbólico por ser a primeira vez que o Consello Social celebra un pleno fóra dos espazos universitarios ou empresariais, tendo lugar no castelo de Maceda. O presidente agradeceu a acollida do concello e da súa alcaldesa, Uxía Oviedo, así como a colaboración do doutor José Manuel Lage.
O estudo, realizado polo profesorado Isabel Diéguez, Ana Gueimonde e Andrés Mazaira, combina análise cuantitativa da oferta e demanda, comparación con outras universidades e consulta directa a máis de 700 estudantes. Os resultados preliminares indican que o 87,9% do alumnado considera que a modalidade de aloxamento condiciona a súa experiencia universitaria e case nove de cada dez afirma que o apoio para acceder a un aloxamento asumible inflúe moito ou bastante na elección da universidade. Máis dun terzo botou en falta axuda institucional para buscar vivenda.
Desde o Consello Social sinalan que estes datos confirman que o aloxamento é un reto para o acceso, a permanencia e a experiencia universitaria, e non só unha cuestión residencial. Consideran necesario impulsar medidas a medio e longo prazo para mellorar as condicións, facilitar a mobilidade e reforzar a competitividade da Universidade de Vigo. Os resultados completos publicaranse en setembro.
Na xuntanza tamén se abordaron outros temas como a liquidación provisional do exercicio orzamentario da Universidade e as contas de sociedades correspondentes a 2025, a adxudicación de bolsas-colaboración do Ministerio de Educación para o curso 2026/2027 e os prezos públicos para estudos propios e microcredenciais. Juan Manuel Vieites, presidente da Comisión Económica, presentou as contas provisionais de 2025, reflexionando sobre o remanente de tesouraría e os gastos de persoal, e pediu prudencia na contratación á nova xerencia.




