A pesar de que hai un ano o proxecto aprobado polo Concello describía esta dotación como unha sala de lectura multiusos sen fondos bibliográficos nin servizo de préstamo, Caballero reiterou que a nova instalación será unha biblioteca completa, similar á Neira Vilas, con libros e espazos de lectura.
Segundo as previsións municipais, a nova biblioteca, que contará cun investimento de máis de 1 millón de euros, estará rematada en 12 meses. O alcalde detallou que o inmoble terá preto de 300 metros cadrados por planta e incluirá zonas de almacenamento de libros, estanterías e espazos de lectura adaptados. Na planta baixa situaranse os servizos necesarios e unha área exterior con zonas verdes.
O deseño da biblioteca estará completamente adaptado para persoas con mobilidade reducida e incorporará solucións sostibles e de eficiencia enerxética. Ademais, a fachada contará con grandes ventás para favorecer a entrada de luz natural, creando un ambiente máis cómodo para a lectura.
“"Confiamos en que por unha vez, Caballero diga unha verdade, pero por se acaso estaremos vixiantes para que se cumpra o que dixo."
Este proxecto foi un dos máis anunciados por Abel Caballero, con ata 19 mencións en 8 anos. O BNG de Vigo, pola súa banda, criticou o proxecto, cualificándoo de “biblioteca fake” e “unha sala de lectura sen nada para ler”, argumentando que o documento técnico non contempla fondos bibliográficos nin persoal cualificado. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalou que o proxecto se asemella máis a un equipamento multiusos.
A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, celebrou a “rectificación” do alcalde, pero asegurou que o seu partido estará “vixiante” para garantir que a biblioteca conte con libros e servizo de préstamo, elementos que, segundo ela, non estaban incluídos no proxecto inicial.




