A responsable autonómica asistiu a unha xornada demostrativa do funcionamento desta rede, que xa foi entregada ao Concello de Monterrei. Esta iniciativa forma parte do proxecto Aldealix, enmarcado no Programa Interreg VI España Portugal (POCTEP) 2021-2027, que busca impulsar comunidades enerxéticas locais baseadas na biomasa rural.
A rede de Infesta, un dos catro proxectos piloto en Galicia e o Norte de Portugal, xa dá servizo a 33 vivendas da aldea. Ademais de proporcionar enerxía calorífica a partir do aproveitamento das podas, contribúe á redución do risco de incendios forestais mediante a limpeza dos terreos próximos ao núcleo rural.
O sistema funciona cunha caldeira autoabastecida con leña almacenada nun silo contiguo. A auga quente distribúese a través dunha rede de tubaxe aos radiadores dos fogares participantes, promovendo así a eficiencia enerxética e o abaratamento de custos.
O obxectivo principal do proxecto é fomentar a autosuficiencia das comunidades rurais. Unha vez entregada ao concello, a xestión da rede de calor pasará a ser responsabilidade da cooperativa BioInfesta, integrada polos veciños da aldea, quen achegan fondos, xestionan a biomasa e comparten os gastos de mantemento.




