A Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) presentou esta mañá a primeira edición dos Premios ao Comercio de Verín, unha iniciativa cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, e coa colaboración do Concello de Verín. Estes galardóns nacen co obxectivo de recoñecer o traballo dos negocios locais e a súa contribución á actividade económica e social da vila.
Na rolda de prensa participaron Esther Gómez, presidenta de AEVER; Gabriel Alén Castro, director xeral de Comercio e Consumo; Manuel Lorenzo, en representación da área de comercio municipal; e Marta Vázquez Guzmán, directora territorial na provincia de Ourense.
A convocatoria, que conta con seis categorías, mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o vindeiro 21 de setembro. Os gañadores daranse a coñecer o 2 de outubro nunha Gala que se celebrará no Auditorio de Verín, conducida pola actriz Iria Sobrado e amenizada coa música en directo de Mr. Cool.
As seis categorías buscan representar diferentes realidades do tecido comercial da vila: 'Comercio de toda a vida', en recoñecemento á traxectoria; 'Renovación ou relevo xeracional', para negocios que souberon adaptarse; 'Compromiso coa comunidade e identidade local', para establecementos vinculados á vila; 'Novo comercio', para iniciativas abertas nos últimos tres anos; 'Innovación comercial de proximidade', para negocios que incorporan novas ideas; e 'Mellor comunicación comercial de proximidade', que recoñecerá a capacidade para comunicar e conectar coa clientela.
Os establecementos interesados poderán presentar as súas candidaturas a unha ou varias categorías enviando por correo electrónico a [info@ccaverin.com](mailto:info@ccaverin.com) unha memoria explicativa da súa actividade e por que encaixa na categoría escollida, acompañada de exemplos concretos e fotografías. A organización anima aos comercios a participar, destacando que non se busca unha presentación profesional senón coñecer o proxecto e os motivos de cada candidatura.
A Gala de entrega de premios terá lugar o 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio de Verín. O evento reunirá ao tecido comercial da vila nunha noite pensada para celebrar e poñer en valor o comercio local. A actriz Iria Sobrado será a presentadora, acompañada polo músico Mr. Cool. A Gala terá aforo limitado e a información sobre a dispoñibilidade de entradas publicarase proximamente.
Como parte destes premios, publicaranse tamén entrevistas nas redes sociais de AEVER con diferentes voces de Verín sobre a súa visión do comercio local, as súas experiencias e a relación que manteñen con el, co obxectivo de fomentar a conversa pública e destacar o papel dos negocios na vida cotiá da vila.




