O Concello de Verín e a Diocese de Ourense deron un paso decisivo para a posta en valor do casco histórico coa formalización dun contrato de compravenda, doazón e aceptación de parcelas no entorno da igrexa de Santa María a Maior.
A operación, que supón a adquisición polo Concello de dúas parcelas por 275.653,89 euros e a doazón doutra valorada en 98.547,70 euros, permite dispoñer xa do 95 % dos terreos necesarios para o proxecto de transformación.
Esta actuación abrangue unha superficie de 4.500 metros cadrados e conta cun investimento global de 475.000 euros para a adquisición de propiedades da Diocese e de particulares. Desta cantidade, xa se executaron 437.000 euros.
A primeira fase do proxecto contempla a creación dunha gran zona verde pública, concibida como un novo espazo de encontro e convivencia para a veciñanza, mellorando a mobilidade peonil e a posta en valor patrimonial.
“"É unha aspiración histórica de Verín que a igrexa de Santa María a Maior conte cun entorno digno, aberto e integrado na vila. Queremos que deixe de ser unha zona pechada para converterse nun lugar para desfrutar, pasear e convivir."
O alcalde, Gerardo Seoane, destacou a importancia de alcanzar este punto tras un complexo proceso de negociación, sinalando que a futura zona verde permitirá recuperar este espazo para a cidadanía e gañar espazo público para Verín.
A intervención está contemplada no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco vello de Verín, pendente da súa aprobación definitiva.




