A xornada do luns estará marcada pola estrea dun espectáculo luminoso con arredor de 500 drons en San Fiz ás 20:30 horas, unha das grandes novidades desta edición. A continuación, a popular Orquestra Panorama pechará o programa musical da noite cun concerto no mesmo escenario.
Ademais destes eventos principais, o día ofrecerá unha ampla variedade de propostas. Dende as 10:30 horas, o adro da Catedral e as rúas adxacentes acollerán a Feira Medieval «Volta ao Medievo», con música, desfiles e xogos ata as 22:00 horas.
A praza Maior será escenario do espectáculo familiar A Voar, de Cé Orquestra Pantasma, ás 11:00 horas. Nos soportais da Casa do Concello poderase visitar a mostra Bolboreta Fiandeira, dedicada á recuperación do oficio tradicional do fiado.
A música e a animación de rúa comezarán ao mediodía cos pasarrúas dos Picurruchos e a charanga Chafalleiros. O patio do Edificio Administrativo acollerá ás 12:00 horas o Festival Infantil de Cantigas e Frores, mentres que a Orquestra Escaparate actuará na praza Maior ás 13:00 horas.
Pola tarde, o Festivaliño Xacobeo On The Road presentará o cine máis pequeno do mundo na praza da Soidade (17:00-20:00). A Gala Miss Deusa, organizada polo colectivo ALAS, terá lugar ás 18:00 horas no patio do Edificio Administrativo. Cé Orquestra Pantasma volverá actuar ás 18:30 horas na praza de Santo Domingo.
A programación musical continuará na praza Maior coa Orquestra Costa Dorada ás 19:30 horas. Os Picurruchos percorrerán o recinto histórico, a rúa Nova e a Tinería a partir das 20:00 horas.
Antes da despedida en San Fiz, a praza de Santa María acollerá ás 21:00 horas o concerto de Xisco Feijóo, e a Horta do Seminario recibirá ás 21:30 horas a Los Diablos.




