O Auditorio Municipal de Verín foi o escenario este venres do XXII Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella en Ourense. A cita anual reuniu a máis de 150 persoas voluntarias procedentes das diferentes asembleas comarcais da provincia nunha xornada de convivencia, recoñecemento e intercambio de experiencias.
O acto institucional contou coa presenza de representantes das administracións públicas, responsables da organización e autoridades comarcais. A inauguración foi a cargo de Gonzalo Hervera, presidente comarcal en funcións de Cruz Vermella en Monterrei, e de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín.
Diego Lourenzo destacou a dimensión humana e social do traballo voluntario, sinalando que "o voluntariado representa unha das expresións máis valiosas do compromiso coa comunidade". Engadiu que "as administracións temos a responsabilidade de poñer en marcha recursos, servizos e políticas que melloren a vida da cidadanía, pero nunca poderemos substituír algo tan profundamente humano como acompañar, escoitar e tender a man a quen o necesita". O tenente de alcalde expresou o orgullo de Verín por acoller o encontro e contar con persoas que "deciden non permanecer indiferentes ante as necesidades dos demais".
Pola súa banda, o presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, subliñou o valor do voluntariado como "motor de transformación social" e agradeceu o compromiso das persoas que colaboran nos proxectos da organización, axudando a dar resposta ás necesidades das persoas máis vulnerables da provincia.
O encontro tamén serviu para visibilizar iniciativas de impacto social e ambiental, como a reforestación de máis de 12 hectáreas en Guimarei, no Concello de Monterrei, e para pór o foco na importancia da acción local e o seu impacto global.
Un dos momentos máis emotivos foi a entrega dos Recoñecementos á Acción Voluntaria, conducida por Javier Manteiga, secretario provincial de Cruz Vermella en Ourense. Nesta edición, entregáronse oito Diplomas de Recoñecemento á Acción Voluntaria e cinco Medallas de Bronce.
As Medallas de Bronce foron para Pablo Mosquera Otero, Gonzalo Hervera Mené, María del Pilar Vega Sánchez, José Manuel Araujo Dacosta e Manuela Dorado Domínguez. Os Diplomas de Recoñecemento á Acción Voluntaria recaeron en Sandra Hoyos, Nieves Lara López, Alfredo Aguiar Pérez, María Montserrat Iglesias Pena, Xoan Carlos Luis Fernández, María Milagros Penín Quintas, Luis Javier Fernández Vedo e José Manuel Cortizo Estévez.
A xornada tamén incluíu espazos culturais presentados polo xornalista, locutor e actor de dobraxe Carlos Reboreda, voluntario de Cruz Vermella. A actuación musical inicial correu a cargo da cantante lírica Carmen Villabril Álvarez e da pianista Ría Garrido Ruíz, do Conservatorio de Verín. Ademais, presentouse unha mostra do Entroido da comarca de Verín, coa participación de Rebeca André Estévez e José Carlos Cabido Sabariz.
O encontro rematou cunha actividade participativa dinamizada por Lismar Nauyoli Peña Fernández, voluntaria e monitora do Obradoiro de bailoterapia para persoas maiores no rural. O Encontro Provincial de Voluntariado é unha das citas anuais clave de Cruz Vermella en Ourense para recoñecer o compromiso dos voluntarios e reforzar os vínculos sociais.
O encontro en cifras: Edición XXII, máis de 150 persoas voluntarias, 8 diplomas e 5 medallas de bronce, celebrado no Auditorio Municipal de Verín.




