O Concello de Verín comunicou hoxe a modificación do percorrido previsto para o Rally da Auga Transibérico Eurocidade Chaves-Verín 2026. A reformulación da proba débese á imposibilidade de obter a autorización necesaria da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) para utilizar as vías inicialmente planificadas en territorio español.
Segundo o comunicado oficial emitido pola Eurocidade Chaves-Verín, AECT, e a organización da proba, esta circunstancia allea á responsabilidade de CAMI Motorsport, da Eurocidade e dos municipios implicados, obrigou a traballar nas últimas horas para garantir a celebración do evento cun novo itinerario.
A organización confirmou que se mantén en Verín o reagrupamento e a saída simbólica, que terá lugar mañá venres, 11 de setembro, ás 17:50 horas desde a Praza Maior.
O novo percorrido, horarios e demais modificacións serán comunicados por CAMI Motorsport, entidade organizadora, unha vez sexan formalmente aprobados polas autoridades competentes.




