O Concello da Coruña aposta un ano máis polo programa de Festas de Barrio, unha iniciativa que busca dinamizar as celebracións populares nos distintos distritos da cidade. Nesta ocasión, os barrios da Falperra e Oza serán os escenarios principais dunha oferta de ocio que combina música en directo, actividades para a infancia, propostas gastronómicas e encontros veciñais.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou a relevancia destas festas para a vida comunitaria. "As festas dos barrios son unha expresión fundamental da identidade da Coruña. Son espazos de convivencia, participación e encontro que contribúen a fortalecer os vínculos veciñais e a dinamizar a actividade social e cultural dos distintos distritos", afirmou. O Goberno local, liderado por Inés Rey, destina este ano 500.000 euros ás asociacións veciñais para a organización destes festexos.
A rúa Industrial acollerá os días 12 e 13 de setembro a duodécima edición do Día do Comercio na Rúa, o evento central das festas da Falperra. A xornada do sábado comezará coa inauguración a cargo de Pura, a Vienesa, seguida de actuacións como a de El Corta, unha sesión de DJ, exhibición de baile de Danza 10, o concerto de Varela & Rois e a actuación nocturna de Carlos Bau & 80 Razones. Tamén haberá unha festa da escuma ás 18.00 horas.
O domingo, as festas da Falperra continuarán cunha sesión vermú con Version's Band, seguida dos concertos de La Indirigible e Son de Camagüey, que pecharán as celebracións. Durante ambas as xornadas, haberá xogos infantís e actividades para toda a familia.
Pola súa banda, o barrio de Oza celebrará as súas festas populares entre os días 11 e 13 de setembro, cunha programación centrada na música ao aire libre e na cultura sound system. O venres 11 de setembro, as actuacións de Vedic Roots e Delirium Soundsystem darán o pistoletazo de saída.
O sábado 12 de setembro, o parque de Oza converterase nun gran escenario musical entre as 18.00 e as 02.00 horas, coa participación de Bass Dealer Soundsystem, Rebel-I (procedente de Perú), Soundkilla e Trasnos in Dub Sistema de Son.
A programación de Oza concluirá o domingo 13 de setembro cunha sesión máis familiar, que incluirá as actuacións de Los Alcántara e El Jaleo de Lía, entre as 13.30 e as 17.00 horas.




