A Costa da Morte xa conta cun novo punto de acceso á educación superior coa inauguración oficial da Aula da UNED en Vimianzo. A xornada de portas abertas permitiu aos asistentes coñecer de primeira man as posibilidades formativas que ofrece a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) desde o propio territorio.
O acto contou coa presenza da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez; da directora do Centro Asociado da UNED na Coruña, Ana Mónica Novo García; e da secretaria do Centro e académica, Emma Miranda Varela. Durante a presentación, detallouse a oferta académica da UNED, o proceso de matrícula, os servizos de titoría, o campus virtual e as distintas modalidades de seguimento dos estudos.
A alcaldesa Mónica Rodríguez Ordóñez subliñou que a chegada da UNED a Vimianzo representa moito máis que a apertura dun novo espazo educativo: "Estamos falando de achegar oportunidades", especialmente para os residentes no rural. Reivindicou que "vivir nun territorio rural non pode significar ter menos oportunidades" e recalcou a importancia da presenza universitaria na Costa da Morte.
A nova Aula UNED de Vimianzo, ubicada na Casa da Cultura, estará aberta ao público en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, ofrecendo información e orientación sobre as formacións da UNED.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa reforza o compromiso de converter Vimianzo nun concello con máis servizos, oportunidades e futuro. A alcaldesa agradeceu á UNED e a todos os implicados a posta en marcha deste proxecto, concluíndo coa mensaxe: "O rural non debe ser o lugar desde o que miramos as oportunidades pasar. Queremos que sexa o lugar desde o que as oportunidades tamén nacen."




