O lume rexistrado nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, que se fusionou tras iniciarse en distintas parroquias, foi dado por controlado ás 23.37 horas de onte. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie conxunta de arredor de 220 hectáreas.
Para a extinción deste incendio mobilizáronse, de xeito acumulado, 4 técnicos, 41 axentes, 48 brigadas, 44 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 1 avión.
En canto á provincia de Lugo, o incendio na parroquia de Soutordei, no concello de Ribas de Sil, permanece activo desde as 18.22 horas do sábado. As estimacións provisionais sitúan a superficie afectada en arredor de 140 hectáreas.
Este lume chegou a declarar a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, aínda que esta situación operativa foi desactivada na madrugada do domingo. Na súa extinción acumúlanse 7 técnicos, 30 axentes, 41 brigadas, 31 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 8 avións.
A Consellería do Medio Rural recorda a importancia de chamar ao número gratuíto 085 en caso de detectar algún lume forestal. Tamén se dispón da aplicación móbil ALume para avisar sobre incendios activos e dun teléfono anónimo (900 815 085) para denunciar actividades delituosas incendiarias. A información actualizada sobre incendios de máis de 20 hectáreas está dispoñible en @incendios085.




