O rexedor de Melide, José Manuel Pérez, subliñou hoxe a urxencia de abordar un proxecto que poña fin á problemática dos lodos acumulados na praia fluvial de Furelos. Esta necesidade foi exposta durante unha visita ás obras de mellora da conectividade fluvial, na que tamén participaron a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, membros do equipo de Goberno local e representantes de Augas de Galicia, entidade encargada do proxecto e da súa execución.
Durante a súa intervención, o alcalde sinalou que o plan, que conta con financiamento da Unión Europea, xa pasou por un período de exposición pública durante o trámite ambiental sen recibir ningunha alegación. Ademais, destacou que o proxecto foi revisado e validado por técnicos municipais e autonómicos, e conta con informes favorables de organismos como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio.
Ambas as administracións, municipal e autonómica, coinciden en que a proposta de Augas de Galicia representa unha mellora substancial para as condicións ambientais e ecolóxicas do río, priorizando os intereses colectivos.
Na mesma xornada, o alcalde aproveitou a presenza da conselleira Ángeles Vázquez para solicitar o acondicionamento dos vestiarios e baños das piscinas municipais, unha petición á que a responsable de Medio Ambiente se comprometeu a dar resposta.




