A Xunta de Goberno Local do Concello de Melide aprobou hoxe a licitación das obras de acondicionamento do aparcadoiro situado na avenida da Habana. Esta actuación, que se enmarca no POS+2025 da Deputación da Coruña, conta cun orzamento de licitación de 316.662,52 euros e un prazo de execución previsto de catro meses. A contratación tramitarase mediante un procedemento aberto simplificado.
O proxecto desenvolverase nunha parcela de titularidade municipal de 5.334 metros cadrados. Actualmente, este espazo utilízase como aparcadoiro en superficie pero carece dunha ordenación formal das prazas, dos itinerarios interiores e dos accesos. O terreo presenta ademais restos dunha urbanización inacabada, con tramos de pavimento deteriorados e deficiencias na evacuación de augas pluviais.
A intervención prevé a ordenación integral da parcela para o seu acondicionamento como aparcadoiro público en superficie. Incluirá unha nova pavimentación con aglomerado asfáltico, a delimitación das prazas de estacionamento e a reorganización da circulación interior.
Establécense unha entrada e unha saída diferenciadas tanto na avenida da Habana como na rúa Bispo Varela para ordenar os movementos dos vehículos e reducir conflitos nas manobras. A rúa Peregrinos manterá o seu carácter residencial e quedará excluída do sistema de accesos e saídas do aparcadoiro, evitando así a sobrecarga de tráfico e protexendo o contorno da capela de San Roque.
As obras tamén contemplan a execución dunha nova rede de drenaxe e recollida de augas pluviais, así como a instalación de alumeado exterior con luminarias enerxeticamente eficientes. O tratamento perimetral incluirá franxas axardinadas para mellorar a integración paisaxística e reducir o impacto visual. Ademais, acondicionaranse os itinerarios peonís e os puntos de cruzamento seguindo criterios de accesibilidade universal.
A actuación enmárcase na estratexia municipal de mellora e rexeneración de espazos urbanos, con criterios de continuidade de pavimentos, accesibilidade universal, ordenación do tráfico e integración co contorno, en liña con outros proxectos do Concello.
O proxecto tamén inclúe a demolición dunha edificación inacabada de catro alturas na parcela, que se atopa en situación de desconformidade co planeamento municipal e presenta un estado de conservación deficiente debido ao abandono.




