Durante esta fin de semana, Furelos convértese nun escenario vivo onde se recrea a vida de comezos do século XX. Os postos de artesanía e alimentación, xunto con exposicións e obradoiros de oficios tradicionais, transportan a veciños e visitantes a outra época. A cita, que xa vai pola súa novena edición, continuará ata mañá domingo.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, acompañado polos edís Xosé Igrexas e Carmen Liñeira, percorreu o mercado, compartindo a xornada coa veciñanza e os asistentes. Dende o Concello fan un chamamento para que todos se acheguen a Furelos e gocen das actividades, aproveitando tamén o servizo de tren turístico que facilita o desprazamento dende o centro da vila.
A programación esténdese durante toda a fin de semana. Hoxe sábado, o mercado permanecerá aberto ata as 22:30 horas, e mañá domingo poderá visitarse de 11:30 a 22:30 horas. A oferta inclúe música, teatro e espectáculos variados.
As actividades deste sábado inclúen pasarrúas do grupo de pandeireteiras de Monte Furado pola mañá e de 18:00 a 19:00 horas. Mañá domingo, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ofrecerá xogos tradicionais de 17:00 a 19:00 horas.
Ademais, durante ambas as xornadas haberá animación musical, pasarrúas e teatro de rúa con personaxes de época como a Muller Barbuda, unha pitonisa, unha criada e unha carteira. Tamén haberá un espectáculo de circo e un baile de Charlestón. Ao remate de cada xornada, espérase un espectáculo aéreo e outro de lume.
O tren turístico, que une o centro de Melide con Furelos, segue operativo. Hoxe funcionará de 16:00 a 20:00 horas, e mañá domingo estará dispoñible de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.




