Vilalba licita dous proxectos de mellora no polígono Sete Pontes por 242.000 euros

As actuacións inclúen a renovación do alumeado público e a reparación do firme nun vial de acceso.

Obras de mellora no firme dunha estrada nun polígono industrial.
IA

Obras de mellora no firme dunha estrada nun polígono industrial.

O Concello de Vilalba iniciou o proceso de licitación para executar dous proxectos de modernización no polígono industrial Sete Pontes, cun investimento total de 242.000 euros.

As obras contan cun financiamento maioritario da Consellería de Economía e Industria, que achega o 80% do orzamento, mentres que o 20% restante será asumido polas arcas municipais. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 13 de outubro para presentar as súas propostas.
A primeira das actuacións céntrase na modernización do alumeado público, cun orzamento de 97.000 euros. O plan contempla a substitución de 121 luminarias por tecnoloxía LED, o que permitirá reducir o consumo enerxético nun 43%, supoñendo un aforro anual estimado de 5.000 euros para o consistorio.
O segundo proxecto, dotado con 150.000 euros, destinarase á renovación do firme nun tramo dun quilómetro do vial de acceso que conecta a estrada LU-P-6502 coa rotonda situada entre as rúas Acivro e do Salgueiro. Esta intervención busca solucionar os problemas de afundimento do pavimento mediante a aplicación de aglomerado en quente.