Os feitos tiveron lugar entre as 16.00 e as 17.00 horas. Segundo os datos recollidos, o sagrario foi arrancado de xeito violento do seu pedestal habitual, situado detrás do altar. Posteriormente, o recipiente foi forzado para extraer o copón que contiña as hostias consagradas, que non puido ser recuperado.
A investigación apunta a que a manipulación do obxecto continuou no exterior do templo, xa que se atoparon restos no campo da feira próximo. A parroquia xa presentou a correspondente denuncia ante as autoridades, que analizan as cámaras de seguridade de negocios da contorna en busca de pistas sobre os autores.
“"É unha afrenta directa á eucaristía, centro da fe e da vida da Igrexa, que fire profundamente os sentimentos relixiosos dos católicos."
Ante este suceso, a Diócese de Mondoñedo-Ferrol expresou a súa condena e anunciou a celebración dunha eucaristía de desagravio. O acto terá lugar o vindeiro martes 29 de setembro, ás 20.00 horas, co obxectivo de convocar á comunidade cristiá da comarca á oración e reparación.




