A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, xunto a outras autoridades e representantes de corpos de seguridade e emerxencias, participou hoxe na Coruña no acto de homenaxe polo Día Mundial en Recordo das Vítimas de Sinistros de Tráfico. O evento tivo lugar fronte ao servizo de Mobilidade do Concello, na antiga estación de autobuses.
Durante a súa intervención, Paz sinalou que en 2025 non houbo ningunha vítima mortal por atropelo na cidade, cualificando este dato como un "indicador positivo" que debe "darnos alento", aínda que recalcou a necesidade de "aspirar a máis" e non confiarse, xa que "un só accidente, un só ferido, xa son demasiados".
A concelleira tamén reivindicou a importancia de impulsar modelos de cidade sostibles que prioricen o peón e melloren a seguridade viaria. "As humanizacións e peonalizacións están especificamente deseñadas para transformar de raíz a nosa forma de pensar e de facer. Máis espazo para o viandante e máis control sobre o tráfico significan menos accidentes", afirmou.
“"As cidades que se poden camiñar son, alén de máis cómodas para os veciños e veciñas, máis seguras"
O acto incluíu o tradicional minuto de silencio polas vítimas, a lectura dun manifesto por parte da asociación Stop Accidentes e unha ofrenda floral na árbore plantada en memoria das vítimas.




