A iniciativa conta coa participación de seis creadores de contidos especializados en viaxes, turismo e experiencias, que difundirán a través das súas plataformas dixitais os atractivos deste destino. Esta viaxe quere achegar ao público destes profesionais a identidade do destino a través das súas paisaxes, tradicións, gastronomía e cultura do viño, afondando nas relacións entre ambos territorios e no papel do Camiño Portugués na contorna.
A programación percorre diferentes dimensións da identidade do espazo transfronteirizo, comezando pola historia e as relacións culturais entre ambas as beiras do Miño a través de visitas a diferentes enclaves, como o casco histórico de Tui e a fortaleza de Valença. O río, como elemento vertebrador do territorio, centra tamén parte das actividades, que permiten coñecer a súa influencia na paisaxe, na actividade económica e nas tradicións locais, especialmente na cultura vitivinícola.
A proposta complétase cun achegamento ao rural, aos recursos naturais e patrimoniais e á tradición comercial da contorna, ademais de coñecer de primeira man as experiencias, historias e oficios daquelas persoas que dan vida ao territorio, ademais das actividades produtivas que contribúen a manter viva a identidade compartida de Galicia e Portugal.
Esta viaxe enmárcase nas accións de promoción turística desenvolvidas ao abeiro do proxecto VISIT RIO MINHO PLUS, cofinanciado pola Unión Europea coa finalidade de fortalecer a competitividade e a sustentabilidade do sector turístico na rexión transfronteiriza do río Miño, promovendo a cooperación entre os territorios de Galicia e Portugal e impulsando a posta en valor dos recursos compartidos como elementos de atracción turística.




