A Xunta premia 40 concellos galegos por protexer a paisaxe e o medio natural

O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, destacou o compromiso destes municipios e das asociacións veciñais na mellora dos espazos públicos.

A Xunta premia 40 concellos galegos por protexer a paisaxe e o medio natural

Xunta de Galicia · 2026-11-13

A Xunta de Galicia destacou o compromiso dos 40 concellos galegos galardoados cos premios ‘Vilas en Flor’ polo seu labor na protección dos valores paisaxísticos, ambientais e naturais da Comunidade, recoñecendo o traballo de municipios, asociacións veciñais e técnicos.

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participou hoxe en Salceda de Caselas (Pontevedra) na entrega destes galardóns, onde puxo en valor o esforzo desenvolvido por estes municipios, así como o das asociacións veciñais, técnicos e todas as persoas que traballan a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida das persoas a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral.
Os premios ‘Vilas en Flor’ supoñen un importante recoñecemento á revitalización de espazos e servizos públicos mediante actuacións arredor de eixos como a conservación e o impulso do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; o uso social dos espazos públicos, e as sinerxías coa actividade turística.
De Salvador subliñou que a Xunta comparte o interese das entidades locais pola mellora dos espazos públicos e pola súa xestión sostible. Lembrou que o distintivo Bandeira Verde de Galicia, que se entrega anualmente desde 2020, tamén enxalza as prácticas máis respectuosas dos concellos en canto á protección do medio ambiente, a loita contra o cambio climático, a eficiencia enerxética e a xestión dos residuos.
Destacou tamén a importancia de que os municipios pequenos se beneficien da posta en valor das súas paisaxes, xa que son un activo fundamental para convertelos en lugares de encontro, convivencia, saúde e ocio.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Xunta de Galicia — Notas de prensa (portal central, cubre todas as consellerías) (13/11/2026)