Begonte prepárase para a celebración dos Milagres de Saavedra coa novena á Virxe

A festividade no santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra comezará o día 14 de maio coa novena e estenderase ata o 24 de maio.

Imaxe do santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra.
IA

Imaxe do santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra.

O santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra, en Begonte, acollerá a partir do 14 de maio a tradicional novena e as celebracións principais, que se prolongarán ata o 24 de maio con misas e actividades lúdicas.

A programación relixiosa comezará o xoves 14 de maio co inicio da novena, que se estenderá ata o 22 de maio. Durante este período, o rezo do rosario e da novena terá lugar ás 19:00 horas, seguido da eucaristía ás 19:30 horas. Diversos cregos participarán nestes oficios, incluíndo un párroco de Marín, un da Upa As Pontes, un de Friol, un de Cedeira e reitor de Santo André de Teixido, e un da Upa Castro de Rei, Cospeito e Pastoriza.
Os días grandes da festividade serán o sábado 23 de maio e o domingo 24 de maio. O sábado, as misas celebraranse ás 11:00, 12:00, 13:00 e 19:00 horas. O domingo 24, día propio da festividade, haberá oficios relixiosos dende as 7:00 ata as 13:00 horas, sendo a última presidida polo bispo da diocese de Mondoñedo Ferrol. Pola tarde, as misas continuarán dende as 17:00 ata as 19:00 horas.
Ademais dos actos relixiosos, a romaría, que atrae a milleiros de devotos cada ano, contará cunha programación lúdica organizada pola comisión de festas de Saavedra. A animación musical comezará o 22 de maio coa orquestra Los Satélites e Dj Patakiña. O 23 de maio, o grupo Punto Clave e a orquestra Escaparate amenizarán a xornada, repetindo esta última na vermú do 24 de maio.
Entre as diversas peregrinacións ao santuario, destaca a da Upa de Guitiriz e Begonte, á que pertence Saavedra, que terá lugar o domingo 10 de maio. A saída está prevista para as 18:00 horas dende a fonte do San Benito de Baldomar.