O Consello da Xunta autorizou a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello da Estrada para esta iniciativa. A achega autonómica de 400.000 euros súmase ao 1,1 millóns que achegará a Deputación e aos 71.383 euros do propio Concello, incluídos na modificación de préstamo aprobada en pleno.
Con esta financiación completa, o Concello iniciará os trámites de licitación para que as obras comecen canto antes, co obxectivo de que a praia estea lista nos primeiros meses de 2027. O proxecto busca mellorar as condicións actuais deste espazo recreativo singular vinculado ao medio fluvial, situado nunha contorna natural próxima ao núcleo urbano.
Os traballos inclúen a mellora do valado exterior con beirarrúa, o tratamento das vías existentes con pavimento de terrizo, e a mellora da accesibilidade e mobilidade entre as distintas zonas. Tamén se crearán novos camiños peonís e un paseo fluvial mediante unha pasarela de madeira elevada que bordeará a carballeira.
Ademais, o proxecto contempla a actuación sobre as edificacións existentes coa finalidade de que poidan ser atractivas para a hostalería.




