O Concello de Ares continúa avanzando no seu compromiso coa sustentabilidade ambiental e coa mellora da xestión dos residuos municipais mediante o desenvolvemento dun novo proxecto destinado a fomentar a compostaxe doméstica, especialmente nas vivendas do ámbito rural. Esta iniciativa, subvencionada pola Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 2021-2027, contribúe a mellorar a xestión dos biorresiduos e fomentar a economía circular no municipio.
O proxecto enmárcase na Liña 3 de axudas para incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, convocadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. Cun orzamento de adxudicación de 9.184,20 euros, contempla a implantación de 50 novos composteiros domésticos de 400 litros, co obxectivo de facilitar que a veciñanza transforme os residuos orgánicos xerados nos seus fogares en compost natural.
As actuacións desenvolvidas inclúen a subministración e instalación dos composteiros, a entrega de caldeiros para a separación dos biorresiduos, a distribución de kits de compostaxe e a realización de 100 accións de formación, difusión e seguimento. Tamén se ofrecerá asesoramento individualizado ás persoas participantes mediante visitas especializadas.
Co desenvolvemento deste proxecto, o Concello de Ares reforza as súas actuacións para promover a separación dos residuos en orixe, reducir o impacto ambiental da súa xestión e impulsar hábitos responsables entre a cidadanía, favorecendo un modelo de economía circular.




