Os galardóns, que buscan recoñecer a excelencia académica, técnica e profesional do alumnado egresado, reforzan os vínculos entre a Universidade, a profesión e a industria. Nesta edición, os recoñecementos foron para dous egresados do PCEO de Enxeñaría Biomédica e Mecánica.
O premio na categoría Xeral foi para Joel Cruz Cadaya polo seu proxecto que utilizou simulacións por ordenador para estudar a viaxe e o depósito de partículas de medicamentos inhalados nun modelo do sistema respiratorio humano. O traballo analiza como o tamaño das partículas e o fluxo de inspiración inflúen en que cheguen ás zonas máis profundas do pulmón.
Na categoría de Proxectos Clásicos de Enxeñaría, que premia TFG de titulacións que dan acceso á profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial, o galardón foi para Clara María Domínguez Iglesias. Desenvolveu un prototipo funcional de sensor sen fíos capaz de rexistrar aceleracións, xiros e cambios de orientación do corpo, combinando electrónica, programación e deseño mecánico.
“"Dous proxectos que reflicten o talento e a aplicación da enxeñaría para responder a novos retos."
Ambos os premiados recibirán un galardón económico de 600 euros e un diploma acreditativo.




