Case sete de cada dez galegos (68,7%) de 16 a 74 anos posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas, o que supón un crecemento relativo do 11,9% en comparación co ano anterior. Deles, o 42,6% teñen habilidades avanzadas e o 26,1% básicas. Estes datos, publicados hoxe polo INE e analizados pola Amtega, mostran unha mellora xeneralizada no uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na comunidade.
O uso da intelixencia artificial xerativa tamén experimentou un notable crecemento, alcanzando ao 47,2% da poboación galega nos últimos tres meses, 15 puntos máis que en 2025. Este aumento débese principalmente ao uso con fins privados (41,9%), aínda que o uso profesional (23,1%) e educativo (19,8%) tamén medrou.
As compras por Internet seguen a súa tendencia ascendente, cun 62,9% da poboación que comprou en liña nos últimos tres meses, 6,2 puntos máis que o ano pasado. Destaca o incremento entre os mozos de 25 a 34 anos (83,1%) e nos fogares unipersoais (61,4%). Ademais, o 82% dos galegos emprega a administración electrónica, superando lixeiramente a media estatal, e a descarga de formularios oficiais aumenta ata o 45,1%.
No que respecta ao equipamento no fogar, o 81,6% das vivendas dispón de ordenador e o acceso a Internet chega ao 96,8% dos fogares galegos, cunha alta penetración en todos os tramos de poboación e especialmente nas cidades.




