O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, percorreu as instalacións desta unidade especializada. Durante a visita, mantivo un breve encontro coas familias dos nenos e nenas ingresados.
No marco da Semana do prematuro, o hospital santiagués está a desenvolver un programa de actividades que inclúe sesións informativas, como 'O mundo dos cólicos do neonato e lactante' impartida pola fisioterapeuta Sonia Gallego, actuacións musicais e un concurso de fotografía.
Gómez Caamaño anunciou que en 2027 se reforzará con 125.000 euros o Programa galego de detección precoz de enfermidades endócrinas e metabólicas en período neonatal, co obxectivo de ampliar o número de patoloxías a analizar.
A Estratexia galega de cribado neonatal, que xa realizou probas a preto de 500.000 recén nados, permitiu identificar de forma temperá máis de 1.400 casos de enfermidades potencialmente graves. Galicia dispón da carteira de cribado neonatal máis ampla de España, avaliando un total de 51 patoloxías.
O Servizo de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela é unha unidade de referencia nacional (CSUR) para enfermidades metabólicas conxénitas e autonómica para hipotermia neonatal activa e polisomnografías complexas. O pasado ano rexistrou o nacemento de 1.895 bebés sans, 244 ingresos en neonatoloxía e 103 na UCI.
Ademais, desde 2016, conta cun Banco de leite humano doado, de referencia para as provincias da Coruña e Lugo.




