A empresa Vilor Infraestruturas, S.A. será a encargada de executar o proxecto construtivo, cun orzamento de 10.550.435 euros. O investimento total para esta iniciativa provén integramente da Xunta, sen achegas de fondos europeos nin estatais.
O deseño do proxecto e a dirección da obra foron adxudicados á UTE Bertón 10 por un importe conxunto de 393.976 euros. A parcela destinada a estas vivendas de promoción pública (VPP) ten unha superficie de 2.223,31 metros cadrados, e a edificación proxectada alcanzará os 10.213,16 metros cadrados construídos.
O edificio constará de tres bloques lineais e incluirá unha planta de soto para garaxes, rochos e instalacións. A planta baixa albergará soportais de uso público, seis portais de acceso, locais de instalacións, almacén de contedores, centro de transformación, cuartos de limpeza e dous locais comerciais. O espazo libre restante na parcela destinarase a zona verde privada. As plantas superiores, de cinco alturas idénticas cada bloque, contarán con dous portais de acceso por bloque.




