O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, pola que se declara proxecto de interese autonómico (PIA) a ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). Esta declaración permitirá á Xunta dispoñer canto antes dos terreos necesarios para a ampliación e renovación do hospital, así como mellorar a urbanización, os accesos e a mobilidade na zona.
O proxecto cumpre as condicións esixidas para ser declarado de interese autonómico, xa que ten transcendencia supramunicipal e unha función estruturante do territorio. O CHUS é un centro sanitario estratéxico de referencia que atende a 425.000 veciños de 46 concellos, ademais de desenvolver funcións autonómicas de alta especialización, docentes, investigadoras e tecnolóxicas.
Esta iniciativa responde á planificación do sistema público de saúde de Galicia e busca adaptar as infraestruturas ás necesidades demográficas e ao envellecemento da poboación, reforzando a cohesión territorial e a calidade asistencial.
O obxecto do proxecto é ordenar o solo para facilitar as obras de urbanización, ampliación e renovación do complexo, incluíndo melloras nos accesos e na mobilidade interna. A empresa adxudicataria, Proyfe, está a elaborar o plan para que estea listo a finais deste ano ou principios de 2027.
A proposta prevé unha intervención integral para mellorar a funcionalidade, accesibilidade e integración paisaxística. Destacan a reordenación dos accesos cunha circulación perimetral, a creación de aparcadoiros conectados por itinerarios peonís, a redución do tráfico interior e a humanización de espazos libres. Tamén se creará unha praza pública de acceso entre o Clínico, o Hospital Gil Casares e o Centro de Protonterapia.
A Consellería de Sanidade tamén planea a ampliación das urxencias e un crecemento ordenado do hospital a curto, medio e longo prazo. Construirase un novo aparcadoiro con 1.500 prazas. Mentres, ultímanse os traballos do Edificio C, que entrará en funcionamento antes de fin de ano. O Centro de Protonterapia de Galicia comezará a tratar pacientes a finais deste ano ou principios do próximo.




