A Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a traballar para minimizar o impacto da caída mundial dos servizos de Microsoft, confirmada dende primeira hora da mañá, co fin de garantir que a actividade se retome canto antes. A aplicación de Rexistro electrónico, o portasinaturas e a aplicación electoral permanecen operativos.
A incidencia, que comezou a detectarse sobre as 7:44h, foi cualificada de crítica pola Área de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (ATIC) da USC. A pesar dos esforzos, a normalidade nos servizos aínda non se restabeleceu completamente, aínda que dende as 12:50h comezan a rexistrarse sinais de recuperación intermitente.
Mentres a incidencia continuaba sen resolverse, a Universidade explorou alternativas para minimizar as consecuencias, especialmente nos procedementos administrativos e prazos afectados pola imposibilidade de acceder ás ferramentas dixitais.
A USC activou vías de comunicación alternativas, como notificacións push e avisos na web, para manter informada á comunidade universitaria ante os problemas que tamén afectaron ao correo electrónico e outros servizos de Microsoft.




